26/12/12

Adopcións de libros e outras fórmulas para o fomento da lectura

Nestes días de Nadal, e co fin de fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade escolar, algunhas bibliotecas escolares puxeron en marcha iniciativas de interese e que gardan, así mesmo, múltiples posibilidades educativas. Entre elas, destacamos esta campaña do CEIP Frián-Teis, de Vigo, baixo o título ADOPTANDO LIBROS POLO NADAL, na que rapazas e rapaces escollen un libro da biblioteca para "adoptalo" e levalo a seus pais como lectura para o Nadal. O proceso conleva unha serie de actividades que, entre outras cousas, serven para a formación do alumnado como lectores e usuarios da biblioteca. Pódese ver coñecer a fondo esta iniciativa no blogue da biblioteca do centro.

Pola súa parte, o IES As Mariñas, de Betanzos, tamén levou a cabo (por terceiro ano consecutivo) a súa campaña de Nadal baixo o lema: Na biblioteca un agasallo para ti. As mozas e os mozos que queiran poden elixir un libro para "agasallar" a algúen da súa familia. Fan o préstamo ao seu nome e a biblioteca encárgase de preparalo "bonito" para que ese préstamo-agasallo sexa algo especial. O éxito dos anos anteriores fíxolles repetir e este ano preparáronse 191 "agasallos", 191 préstamos especiais para o Nadal.

E as nenas e nenos do CEIP de Leirado (Salvaterra do Miño, Pontevedra) poden levar á casa un préstamo especial, escollendo libros, cine ou música para toda a familia, na campaña ALIMENTA AS TÚAS VACACIÓNS, e utilizar unha bolsa especial que a biblioteca proporciona a tal fin. Toda unha campaña de marketing cultural que ten, tamén, as súas implicacións formativas e que procura a implicación dos propios lectores no contaxio do hábito lector (vídeo. 

Tamén no IES Ribeira do Louro (O Porriño) houbo "campaña de Nadal". Nesta ocasión, o equipo de biblioteca preparou "pacs" de libro+película e ofrecéronno para o préstamo de Nadal.

No hay comentarios: