22/7/11

"Ler e escoitar", visto desde un centro.



Durante o primerio trimestre do curso 2010/2011 desenvolvéronse as distintas fases dun concurso de lectura en voz alta, Ler e escoitar, convocado pola Consellería de Educación e O.U., cunha participación máis que aceptable de centros educativos de todo o país (123), especialmente das poboacións máis pequenas. O acto final, no que se premiaron as lectoras e os lectores por cada modalidade e categoría, foi unha festa da lectura. No momento de avaliar o traballo do curso, unha biblioteca escolar, a do CEIP Xosé Mª Brea Segade, de Taragoña-Rianxo, realiza unha reflexión ben interesante. Desde a Asesoría de bibliotecas escolares, valórase moi positivamente que os centros adapten esta iniciativa ao seu contexto e aos seus intereses, pois era un dos obxectivos do concurso. Só un enfoque non competitivo e solidario dos mediadores permitirá que se entenda este tipo de certames coma unha oportunidade, e non coma unha mera competición onde un pon o cóbado para que o outro non chegue. Reproducimos esta valoración polo seu interese:



"Na fase que se realizou no centro participaron dezaseis alumnos e alumnas na modalidade individual e doce na modalidade de grupo. Todos eles foron gravados en vídeo, para o que contamos coa colaboración do equipos das TICs, e un xurado (formado polo director, a responsable de biblioteca e a especialista en Educación Física), que escolleu os nosos representantes para a fase autonómica. A implicación do alumnado participante foi total, viñeron á biblioteca nos recreos a escoller os seus textos libres e a ensaiar, e practicaron nas casas e nas aulas cos seus titores/as. Durante a semana das gravacións respirábase a emoción e os nervios nas clases de 5º e 6º, por iso foi tan difícil para o xurado tomar unha decisión. Valoramos aos que fixeron as mellores lecturas en voz alta pero era imposible non valorar tamén a aqueles que fixeron un esforzo enorme, se prepararon a conciencia e leron moi ben ou a aqueles que sendo moi bos lectores decidiron participar na modalidade na modalidade grupal para ler con amigos ou amigas que tiñan máis dificultades ou que non se atrevían a facelo sos. Todos recibiron un agasallo pola súa participación, pero o momento de dar o veredito do xurado foi para nós e para moitos un momento triste.

O equipo de biblioteca tivo dúbidas antes de participar sobre se o concursos era unha boa estratexia para motivar a lectura en voz alta; cremos que si; o noso alumnado demostróunolo, pero preferimos para o noos centro a realización de actividades non competitivas onde o importante sexa superarse a un/unha mesmo/a pero sen comaprarse cos demais e onde os mellores resultados sexan froito da cooperación entre todos e todas.”

No hay comentarios: