22/7/11

"Ler e escoitar", visto desde un centro.



Durante o primerio trimestre do curso 2010/2011 desenvolvéronse as distintas fases dun concurso de lectura en voz alta, Ler e escoitar, convocado pola Consellería de Educación e O.U., cunha participación máis que aceptable de centros educativos de todo o país (123), especialmente das poboacións máis pequenas. O acto final, no que se premiaron as lectoras e os lectores por cada modalidade e categoría, foi unha festa da lectura. No momento de avaliar o traballo do curso, unha biblioteca escolar, a do CEIP Xosé Mª Brea Segade, de Taragoña-Rianxo, realiza unha reflexión ben interesante. Desde a Asesoría de bibliotecas escolares, valórase moi positivamente que os centros adapten esta iniciativa ao seu contexto e aos seus intereses, pois era un dos obxectivos do concurso. Só un enfoque non competitivo e solidario dos mediadores permitirá que se entenda este tipo de certames coma unha oportunidade, e non coma unha mera competición onde un pon o cóbado para que o outro non chegue. Reproducimos esta valoración polo seu interese:



"Na fase que se realizou no centro participaron dezaseis alumnos e alumnas na modalidade individual e doce na modalidade de grupo. Todos eles foron gravados en vídeo, para o que contamos coa colaboración do equipos das TICs, e un xurado (formado polo director, a responsable de biblioteca e a especialista en Educación Física), que escolleu os nosos representantes para a fase autonómica. A implicación do alumnado participante foi total, viñeron á biblioteca nos recreos a escoller os seus textos libres e a ensaiar, e practicaron nas casas e nas aulas cos seus titores/as. Durante a semana das gravacións respirábase a emoción e os nervios nas clases de 5º e 6º, por iso foi tan difícil para o xurado tomar unha decisión. Valoramos aos que fixeron as mellores lecturas en voz alta pero era imposible non valorar tamén a aqueles que fixeron un esforzo enorme, se prepararon a conciencia e leron moi ben ou a aqueles que sendo moi bos lectores decidiron participar na modalidade na modalidade grupal para ler con amigos ou amigas que tiñan máis dificultades ou que non se atrevían a facelo sos. Todos recibiron un agasallo pola súa participación, pero o momento de dar o veredito do xurado foi para nós e para moitos un momento triste.

O equipo de biblioteca tivo dúbidas antes de participar sobre se o concursos era unha boa estratexia para motivar a lectura en voz alta; cremos que si; o noso alumnado demostróunolo, pero preferimos para o noos centro a realización de actividades non competitivas onde o importante sexa superarse a un/unha mesmo/a pero sen comaprarse cos demais e onde os mellores resultados sexan froito da cooperación entre todos e todas.”

12/7/11

Premio Sunshine Award 2011

Este espazo web recibiu con satisfacción, hai uns días, a sorpresa de ser agasallado con este luminoso recoñecemento, por parte do blog Caderno da crítica, a quen llo agradecemos. Cumprindo co ritual deste tipo de "premios", propoñemos outros 12 blogs que, coma este, serven para difundir o libro e a lectura, desde a óptica da escola. Blogs que mantén un profesorado comprometido coa educación dos máis novos, e coa sociedade, con profesionalidade e moito tempo persoal dedicado á formación de persoas lectoras. Entre a marea de espazos web das bibliotecas escolares galegas, velaquí unha ducia de soños e de pequenas utopías:


Biblioteca. Milladoiro. Malpica. CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña)


Pasapáxina. CEIP José Cornide Saavedra (A Coruña)



O lar de frianciño. CEIP Frián-Teis (Vigo, Pontevedra)




Raioteca. CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña)



O Recanto de Leo. CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra)




Bibliomanía. IES de Sanxenxo (Sanxenxo, Pontevedra)




O Segrel do Penedo. IES de Fene (Fene, A Coruña)



Biblioiris. IES Luís Seoane (Pontevedra)




Biblioteca do CMUS de Lugo (Lugo)




Club de lectura O Balbordo (IES Río Cabe, Monforte, Lugo)




Nós tamén navegar. Club de lectura (IES Lagoa de Antela, Xinzo de Limia, Ourense)




Biblos Vivos. Club de Lectura (IES Pedras Rubias. Salceda de Caselas, Pontevedra)

7/7/11

Competencia lingüística e número de libros na casa

Unha vez máis confírmase a relación entre o número de libros existentes no domicilio familiar e os resultados nas probas de comunicación lingüística. Desta vez, o gráfico corresponde ao estudo da "Evaluación General de Diagnóstico 2010, Educación Secundaria Obligatoria, 2º curso). Ver o informe completo: INFORME EGD 2010-ESO