21/12/09

Lecturas para o inverno

As bibliotecas escolares recomendan libros para estes tempos de Nadal. O profesorado responsable das bibliotecas, ás veces en colaboración co alumnado e mesmo con nais que colaboran co equipo de apoio, pon a disposición da comunidade educativa estas GUÍAS DE LECTURA para orientar ás familias, e a rapaces e rapazas, na selección de textos de interese, de cara ás adquisicións de agasallos nestes días e pensando en aproveitar este tempo de vacacións para facer novas lecturas.

15/12/09

PREMIO LAZARILLO PARA A LITERATURA GALEGA



Marcos S. Calveiro acaba de recibir o premio Lazarillo de literatura infantil por O sombreiro de malvas que se publicará proximamente en galego e en castelán.
Este galardón que é o máis antigo na literatura española para a infancia e que acostuma nomearse como o Cervantes dos libros destinados aos pequenos, é convocado pola
OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil), e ven amosar o bo estado da nosa literatura que aínda o pasado ano conseguiu o Nacional co libro O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Unha literatura, a nosa, “normalizada” e que normaliza a cultura do país.
Antes que Calveiro recibiron este premio
An Alfaya no 2005, Xosé Antonio Neira Cruz no 2004, Ana Mª Fernández no 2001, Gloria Sánchez no 2000, Marilar Aleixandre no 1999, Agustín Fernández Paz en 1990, e tanto Concha Blanco como Antón Cortizas contan con accésits. Debemos ter en conta que se trata dun premio ao que se accede desde os idiomas propios de cada unha das comunidades lingüísticas.
O escritor galego é autor de libros para adultos como Festina lente e das obras de literatura infantil e xuvenil como a marabillosa Rinocerontes e quimeras; Sari, soñador de mares; dos premios Barco de Vapor con O canto dos peixes ou o Ala Delta por O carteiro de Bagdad.


Unha visita ao seu blogue sempre é unha boa opción, igual que lembrar o que acerca dos seus libros se contaba en Rede lectura.

3/12/09

Libros dixitais, ¿onde atopalos?

O Portal cultural Dosdoce e o seu blogue, Comunicación Cultural, son fonte imprescindible de información sobre cultura dixital... sobre cultura e lectura. Unha das súas últimas achegas en relación cos libros dixitais é esta relación de sitios web nos que poder descargar gratuitamente libros electrónicos, eses e-books que están chamando á porta de forma poderosa... Agradecemos unha vez máis a Javier Celaya , e a todo o seu equipo, estes recursos que son tan importantes para os mediadores no ámbito da lectura.

1/12/09

Lectoras e lectores nos centros galegos

Que as rapazas e os rapaces galegos len, e len moito... sabémolo os docentes que traballamos con eles e para eles, pola súa formación lectora. As bibliotecas escolares galegas son fervedoiros de lectores ávidos... cando están vivas.... e hai moita vida polo país adiante. O diario La Voz de Galicia fíxose eco desta realidade na súa edición do pasado 29 de novembro:



Sobre o fomento da lectura nas bibliotecas escolares

Sobre os clubs de lectura

Sobre a Hora de ler

Sobre as mochilas viaxeiras