31/5/07

¡Contamos moito!

O alumnado de educación infantil está a recibir as carpetas ¡Contamos moito!, con materiais para eles e as súas familias... porque as nais, os pais, os avós, os irmáns..., contan moito á hora de contaxiar o gusto pola lectura aos máis pequechos da casa.

28/5/07

Títulos para non perderse


Guía de lectura sobre viaxes para lectoras e lectores de 12 anos en diante (1º ciclo da ESO): libros, música, películas... pare ler sós ou en compañía, para viaxar á aventura ou en viaxes guiadas: son títulos para non perderse.
A guía de lectura, incluída no Caderno de viaxe e na Guía do profesorado de 1º Ciclo da ESO, recolle tamén recursos para os mediadores.

24/5/07

Con billete de ida e volta


Viaxes de ida e volta nunha guía de lectura para Ler o mundo: libros, películas e discos coa temática das viaxes como elemento común.

Esta guía de lectura, axeitada para lectores e lectoras expertos (a partir dos 10 anos), recolle textos en lingua galega e castelá, con distinto nivel de dificultade. Para orientar o profesorado, no seu labor de mediadores, e tamén o alumnado na súa busca persoal de lecturas, sinálanse cun asterisco os libros "para viaxes organizadas", aqueles textos que polas súas características, esixen unha certa experiencia lectora e, se é o caso, motivación e apoio por parte doutros lectores, compañeiros ou adultos.

Inclúense recursos impresos e electrónicos para mediadores.
Ler o mundo. 3º C. Primaria. Guía para o profesorado.

21/5/07

Clubs de lectura

O colectivo Acatrotintas propón, na Guía do profesorado Ler o mundo - 1º C. ESO, a creación de clubs de lectura nas bibliotecas escolares, con diversas modalidades, segundo o contexto:

Formar un club de lectura na biblioteca consiste, basicamente, en atraer un grupo de rapaces e rapazas que desexen compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso. O espazo natural para ao club de lectores será a biblioteca escolar, e os tempos axeitados para a súa celebración dependen das posibilidades de cada grupo (recreos, tempos non lectivos). O número de integrantes non debe ser excesivo: entre cinco e quince lectores, como máximo.

O elemento vertebrador do club de lectores é a persoa mediadora. Indiscutiblemente, ten que ser unha persoa lectora, que estea disposta a ocupar parte do seu tempo en promover unha actividade deste tipo. Non ten por qué ser un profesor das áreas de lingua, nin tampouco o responsable da biblioteca. A súa función inclúe dende a selección dos títulos para ler, a elección da mellor forma para conseguir os exemplares destes títulos, a organización das sesións, a publicidade desta proposta, a oportunidade das diversas convocatorias, o control dos tempos, a moderación dos participantes e a difusión das achegas do grupo, se é o caso. Debe, ademais, facerse permeable ás opinións e preferencias dos participantes, integrando os seus gustos e propoñendo, á vez, temáticas e autores que lles pemitan avanzar como lectores.
(...) Pero nun centro educativo poderían poñerse en xogo outra fórmulas máis abertas: por exemplo, propoñer dende a biblioteca, e coa participación dos lectores que así o decidan, unha serie de títulos para ler ao longo dun período escolar, normalmente, un título por mes, difundir a través de todos os medios (taboleiro, páxina web, panfletos, blog...) o "título do mes" e posibilitar o acceso aos exemplares propostos. As persoas máis implicadas (equipo da biblioteca, persoa coordinadora, lectores, máis interesados) motivarán comentarios sobre a obra lida nos espazos e tempos informais (cafetería, corredores, patio...), integrando no posible a toda a comunidade escolar. Deste xeito, irase creando un ambiente proclive ao feito lector, polos elementos afectivos e de vínculo que se poñen en xogo. simultaneamente, a biblioteca proporcionará soportes (impresos, electrónicos, radiofónicos...) para a comunicación de opinións, comentarios, e recomendacións sobre os libros lidos. Esta forma aberta de club de lectores funciona con éxito nalgúns centros escolares.
Colectivo Acatrotintas

15/5/07

Enredo cos libros

Entre as varias aventuras que se propoñen nas Guías de lectura incluídas nos cadernos de viaxe, hai unha que se agocha entre as súas páxinas: unha selección de pequenos textos extraídos de diversas obras relacionadas coa temática das viaxes. Cómpre ler estes textos con atención (todos eles gardan algún tipo de pista) e indagar para descubrir o título e o autor ou autora correspondente.

En breve, publicarase neste blog o resultado do xogo.

Caderno de viaxe - 1º Ciclo ESO

Á maneira dos vellos viaxeiros, mozos e mozas galegos poden dispor dun caderno no que iren debuxando as paisaxes imaxinadas, os rostros amados, os soños construídos nos camiños da lectura. Sexan de viaxe ou de calquera outra temática, os libros lidos e os que aínda están por ler teñen reservado un lugar no caderno de viaxe.

Chapas Hora de Ler



Porque me peta e quero e dame a gana... que dicía o poeta... leo e levo a chapa de Hora de Ler: deseño de Óscar Villán.

11/5/07

Caderno de viaxe - 3º Ciclo de Primaria



Proponse facilitar os medios para que os rapaces e rapazas teñan onde apreixar lembranzas da selección de libros de viaxe que aparece na guía e no caderno. Así, poderán anotar unha cita, imaxinar o rostro dun personaxe e facer o debuxo, rexistrar o itinerario descrito na lectura, anotar o nome de lugar que lles chame especialmente a atención...
Deseñouse este diario de lecturas para o alumnado cunha concepción aberta, para que sexa o traballo persoal de cadaquén o que defina o resultado, tanto en contidos coma en estética.
Colectivo Acatrotintas

2/5/07

Ler o mundo

Toda lectura é, á fin, unha viaxe. Saír de viaxe e ler un libro obedecen á mesma pulsión: o desexo ou a necesidade de abrir unha paréntese na vida cotiá, romper coa rutina, coñecer outros lugares, vivir novas experiencias, ser outros. Regresar, como pechar o libro, supón a volta á vida de cada quen, pero cunha maior bagaxe: coñecementos, palabras, imaxes, sons, inquedanzas, emocións... son os "souvenirs" lixeiros que se foron engadindo á equipaxe de saída.
Colectivo Acatrotintas

Baixo o lema LER O MUNDO, agrúpanse os materiais para o fomento da lectura e a escritura dirixidos ao alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, dentro da campaña HORA DE LER, na súa segunda fase.